A Universidade de Santiago de Compostela está colaborando coa Asociación CentinElas no proxecto «Nais con ilusión», no que persoal laboral e docente da Universidade apadriña ou amadriña a unha das nosas nais, procurando que este Nadal elas tamén reciban un agasallo.
Trátase de que as mulleres vinculadas aos distintos proxectos da Asociación recuperen a ilusión e sintan que son merecedoras de recibir un presente; que por un momento os seus pensamentos se centren nelas mesmas, nas suas propias necesidades e naquelas cousas que lles farían felices, ainda que sexan pequenas.
A campaña de Nadal que se realizou a pasada convocatoria con esta mesma finalidad resultou todo un éxito e culminou, coma este ano, cun acto simbólico de entrega dos agasallos ás mulleres asistentes.
Dende aquí dámoslles as grazas á Universidade de Santiago de Compostela por apoiar esta campaña un ano máis e facer posible que por un día lles regalemos ás nosas mulleres a ilusión e o protagonismo que merecen e, por suposto, mostrar o noso agradecemento aos 98 padriños e madriñas que participan nesta iniciativa.
You must be logged in to post a comment.