Rede de apoio ás nais
Outro dos servizos que prestamos dende a Asociación é o de ofrecerlle ás nais un servizo de préstamo de material infantil básico (cadeiras de bebé, berces, quitaleites, etc).
Os préstamos e as entregas de materiais son posibles grazas á Rede de Apoio ás Nais coa que conta CentinELAS, composta por persoas socias, persoas particulares e entidades colaboradoras, que coas súas achegas nos permiten ofrecer este recurso tan necesario.Así mesmo, todas as mulleres participan achegando o que poden e devolvendo aquelo que xa non utilizan para que outras mulleres o poidan empregar en función das súas necesidades.
O establecemento deste banco de recursos ou rede de apoio fomenta en si mesmo que se potencian os valores de solidariedade, consumo responsble, e asociacionismo feminino.
Axuda de necesidades básicas á infancia
En CentinELAS traballamos entendendo e asumindo a importancia de cubrir as necesidades básicas das usuarias para que estean motivadas e relaxadas no seu proceso de crecemento persoal, pero intentando romper unha vez máis o modelo de asistencialismo, e promovendo a consecución dos produtos de hixiene ou alimentación infantil a través da implicación persoal nos proxectos da Asociación.
Procuramos que o proceso de aprendizaxe e crecemento persoal das mulleres teña unha recompensa polo seu esforzo de cambio ou mellora, ao mesmo tempo que se lle aporta a seguridade de que poden dedicar ese tempo a elas mesmas como mulleres e nais, en vez de ter que dedicalo a cubrir as necesidades básicas das súas crianzas. É por isto que as mulleres que se comprometen co proxecto, e na medida das súas necesidades, reciben como incentivo lotes de produtos básicos de hixiene e alimentación infantil para elas e os seus cativos.
Banco de Recursos para a Infancia:
Rúa Sánchez Freire baixo, nº 27-31 – 15706 Santiago de Compostela
604 037 288
bancoderecursos@asociacioncentinelas.es