Quen somos

.

A Asociación Centinelas é unha entidade apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos sociais da Xunta de Galicia.

A súa constitución ten lugar no ano 2013 na cidade de Santiago de Compostela como resposta a unha demanda social crecente: a de prestar un apoio integral a mulleres e familias que por diversas razóns se atopan en situación de vulnerabilidade social e en grave risco de exclusión.

Na actualidade presta atención a máis dun centenar de familias residentes en Santiago e concellos limítrofes, e conta cun equipo humano cualificado para ofrecer unha atención integral que inclúe apoio psicolóxico, mediación familiar e intercultural, espazos para a conciliación familiar, formación, atención socioeducativa a menores, entre outros. Ademais, Centinelas xestiona un banco de recursos e axudas de atención básica á infancia, no que participa persoal voluntario e que é posible grazas á implicación de persoas e entidades colaboradoras.

Todas as actividades que se desenvolven na asociación fan que CentinELAS constitúa un centro de referencia para estas familias. A proximidade no trato, a resolución dos seus problemas e a sensibilidade ás dificultades específicas das mulleres son as que fan posible esta confianza.

Por que CentinELAS?

O nome escollido para a asociación, «CentinELAS», pretende facer honra aos seus principios e finalidades fundacionais, xa que atendendo á súa definición etimolóxica, o concepto  de centinelas vincúlase á función de vixilancia, pero non nun sentido de control, senón tal e como se recolle no dicionario, no sentido de «velar sobre alguén ou sobre algo, ou atendelo de maneira exacta e coidadosa».

Estes dous termos EXACTA e COIDADOSA constitúen os alicerces da atención que en CentinELAS lle queremos prestar ás nosas usuarias e ás súas familias. Unha atención personalizada e humanizada, consciente de que as persoas constitúen o capital máis valioso.

Ademais de identificarse cos piares nos que asentamos o noso traballo, o nome de CentinELAS recolle na súa gramática un elemento esencial para nós, ELAS, todas e cada unha das mulleres que acoden á Asociación na procura de solucións e alternativas que lles permitan mellorar a súa situación  de vulnerabilidade.

A quen axudamos?

A desigualdade de xénero no ámbito da exclusión social estase a agravar de xeito alarmante, dando lugar a unha feminización da pobreza que se produce como resultado dunha tripla discriminación: a de unha persoa que é muller, nai, e se atopa en desvantaxe social por razóns económicas.

Se a maiores do anterior engadimos ter a condición de inmigrante, dispoñer dunha escasa formación e habilidades para afrontar a maternidade, escasas habilidades sociais e hábitos prelaborais básicos,  falta de formación, ter unha diversidade funcional, ser vítima de violencia machista ou da prostitución, xoven sen apoio familiar, ou ser familia monoparental, entre outras, estas dificultades agrávanse aínda máis.

Ao falar de mulleres que maioritariamente son nais, todas as dificultades descritas redundan tamén nas súas crianzas, que se converten en  menores en situación ou risco de exclusión. É por isto que en CentinELAS actuamos nunha dobre canle: por un lado, traballando coas nais no tocante ás súas necesidades, e polo outro desenvolvendo actividades de atención psicopedagóxica e de reforzo socioeducativo cos menores.

Nais e crianzas, como parte dunha mesma díada, son o principio e  o fin da nosa atención.

.

Estrutura organizativa e funcional

A Asociación CentinELAS conta cunha estrutura organizativa e funcional a nivel local sita na cidade de Santiago de Compostela, que se estende ao ámbito comarcal e provincial a través da colaboración e cooperación cos servizos sociais de concellos limítrofes e entidades prestadoras de servizos sociais.
A asociación para garantir o seu funcionamento democrático réxese polo sistema de autogoberno e polo principio de representación a través dos seguintes órganos:

1. A Asemblea Xeral
2. A Xunta Directiva
3. Presidenta

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación, e está composta por todas as persoas socias por dereito propio e irrenunciable e adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna.

A Xunta Directiva é o órgano de goberno que rexe, administra e representa á Asociación de acordo coas disposicións e directrices da Asemblea Xeral, executándoas.

Para o desenvolvemento dos fins fundacionais a asociación conta con persoal técnico contratado e persoal voluntario que se encarga da solicitude, execución e xustificación dos distintos proxectos que se desenvolven. Pola natureza das actividades que se desenvolven na Asociación os principais perfís profesionais que se poñen a disposición dos proxectos son os seguintes:

– Técnica en integración social
– Traballadora social
– Psicóloga
– Psicopedagoga
– Educadora infantil
– Monitora sociocultural
– Orientadora laboral

Así mesmo, para a impartición das accións formativas, a Asociación conta con persoal docente especializado.

O persoal técnico e docente actúa baixo as directrices do persoal de coordinación, que intervén como posto intermedio entre a directiva da Asociación e o persoal técnico contratado.
Dende a súa constitución, CentinELAS nutriuse tamén do capital humano que lle aporta o persoal voluntario que colabora coa asociación e de doazóns de produtos e materiais de primeira necesidade que persoas particulares, entidades prestadoras de servizos sociais colaboradoras, e empresas privadas lle facilitan.