Hoxe celebramos a clausura das actuacións de inclusión social subvencionadas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo: Itinerarios de inclusión sociolaboral, Formación preparatoria dirixida á obtención da nacionalidade española, Formación preparatoria competencias clave de nivel 2, e Servizo de conciliación familiar.
Se algo definiu este acto foron as emocións e os sentimentos de todas as mulleres participantes, das súas crianzas, do equipo técnico de CentinELAS e do persoal voluntario que nos acompañou ao longo destes meses de traballo. Sentimentos que viñeron marcados polo orgullo, o agradecemento mutuo e o compañeirismo. Orgullo por recibir uns diplomas que deixan de manifesto o seu esforzo e afán de superación; agradecemento por parte das nosas mulleres polo traballo realizado con elas nestas catro actuacións e agradecemento por parte da Asociación por confiar en nós durante todo este proceso; e compañeirismo porque a través do traballo grupal se forxaron lazos de solidariedade e xenerosidade que teñen un valor incalculable cando día a día padeces a exclusión.
De todos os momentos que vivimos neste acto queremos salientar as intervencións das alumnas participantes nos cursos. O seu testemuño constitúe para nós o resultado máis valioso, máis que calquera dos que houberamos previsto acadar durante a planificación do proxecto.
Sabemos que moitas veces das adversidades saen as relacións máis auténticas. Neste caso, compartir a adversidade que supón ser muller, dispoñer de escasos recursos económicos e ter a condición de inmigrante deu paso ao empoderamento, ao asociacionismo feminino e a tecer unha rede de apoio que trascendeu as actividades do curso.
Non nos queremos esquecer tampouco dos máis pequenos, as nosas centineliñas, que durante estes meses creceron ao igual que as súas nais, e que sempre permanecerán nos nosos corazóns.
Agora, toca procesar todas estas emocións e facer revisión para mellorar o noso traballo e propoñernos novos retos que, por suposto, seguiremos compartindo con vós.
You must be logged in to post a comment.