Recicla, Reemprega, Regala unha nova oportunidade, e Relaciónate solidariamente son as bases sobre as que asenta o PROXECTO REDE.
Este proxecto integra dúas liñas de traballo da nosa Asociación fundamentais para cubrir as necesidades e carencias máis básicas da infancia e a maternidade: o Banco de Recursos para a infancia e a Rede de Apoio ás Nais.
En CentinELAS traballamos entendendo e asumindo a importancia de cubrir as necesidades básicas das nosas usuarias para que estean motivadas e relaxadas no seu proceso de crecemento persoal e inserción laboral, pero tentando romper unha vez máis o modelo de asistencialismo, e promovendo a consecución dos produtos de hixiene ou alimentación infantil a través da súa implicación persoal nos proxectos da Asociación.
Procuramos que o proceso de aprendizaxe e crecemento persoal das mulleres teña unha recompensa polo seu esforzo de cambio ou mellora, ao mesmo tempo que lles achega a seguridade de que poden dedicar ese tempo a elas mesmas como mulleres e nais, no canto de ter que dedicalo a cubrir as necesidades básicas da súa familia.
O Banco de Recursos para a Infancia ofrécelle ás nais un servizo de préstamo de material infantil (cadeiras de bebé, berces, saca leites, etc.) no que todas as mulleres participan achegando o que poden e devolvendo aquilo que xa non utilizan para que outras mulleres as poidan empregar en función das súas necesidades.
Moitos dos préstamos e entregas de materiais son posibles tamén grazas á Rede de Apoio ás Nais coa que contamos, composta por persoas socias, persoas particulares e entidades colaboradoras, que coas súas achegas nos permiten ofrecer este servizo tan necesario. Dado o volume de familias co que traballamos, faise necesario contar con recursos que garantan a continuidade deste traballo en rede para o que pedimos a túa colaboración.
O proxecto Rede fomenta en si mesmo que se potencien os valores de consumo responsable, solidariedade, e asociacionismo feminino. Se ti tamén compartes estes valores, únete e Recicla, Reemprega, Regala ás nosas familias a dignidade que se merecen.